O contrato, publicado na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia, divídese en sete lotes que reúnen material necesario para a posta en marcha e o funcionamento do centro. Entre o equipamento figuran padiolas de transporte, desfibriladores con marcapasos de altas prestacións e un ecógrafo portátil. O contrato inclúe tamén un sistema de anestesia compatible coa resonancia magnética e un respirador para o transporte de pacientes pediátricos.
Ademais, o contrato inclúe dous tipos de monitores: uns para o seguimento dos parámetros fisiolóxicos básicos e o control das constantes vitais dos pacientes, e outro multiparamétrico, que permite medir e visualizar varias constantes de xeito simultáneo. A contratación inclúe tamén a distribución, a montaxe e a instalación dos equipos, así como a súa integración nos sistemas de información do Servizo Galego de Saúde cando sexa necesario.
As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 23 de novembro ás 14,00 horas. Está previsto que o Centro de Protonterapia de Galicia comece a tratar pacientes entre finais deste ano e comezos de 2027, sendo o primeiro do Sistema Nacional de Saúde en ofrecer este tipo de tratamentos, cunha capacidade estimada de 250 pacientes ao ano.
O centro estará especialmente enfocado a pacientes oncolóxicos con alta expectativa de supervivencia, prestando atención destacada á poboación infantil. O investimento total do Centro de Protonterapia de Galicia supera os 60 millóns de euros entre a edificación e o equipamento. Nese orzamento están recollidos os 28 millóns de euros achegados pola Fundación Amancio Ortega á sanidade pública galega no marco do acordo para o impulso da protonterapia en España. As obras do edificio, impulsadas polo Goberno galego, están cofinanciadas con fondos europeos do programa Feder de Galicia 2021-2027.




