O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou esta nova iniciativa tras a análise do Consello da Xunta sobre a Iniciativa Estratéxica de Seguridade, Defensa e Aerospazo (IESDA). Esta estratexia prevé mobilizar preto de 900 millóns de euros de investimento público-privado ata 2030 e entra agora nunha nova fase centrada nas pemes.
A nova liña de axudas, cun orzamento de 6 millóns de euros, está dirixida especificamente a pemes e busca facilitar a súa incorporación á cadea de valor da industria dual, cunha convocatoria con requisitos máis áxiles e adaptados á súa dimensión. O obxectivo é que Galicia aproveite o seu potencial para fabricar produtos estratéxicos e demandados.
Os programas de axuda convocados ata o momento dentro da IESDA xa suman 47,8 millóns de euros e constatan o interese das empresas galegas por subministrar tecnoloxía, equipamento ou participar en proxectos de I+D+i. A primeira convocatoria do programa Industria Dual subvencionou sete proxectos que mobilizan máis de 19 millóns de euros, onde as pemes achegaron o 46 % do investimento e concentraron o 63,6 % da axuda solicitada.
Ademais, o programa de acordos de asociación, dotado con 40 millóns de euros, atraeu 32 empresas e agrupacións na súa primeira fase. Actualmente, estase a tramitar a selección de proxectos cualificados, coa previsión de declarar os proxectos finalistas no verán de 2027 e a súa adxudicación no terceiro trimestre dese ano. As principais actuacións da IESDA contarán en 2027 con 19,45 millóns de euros.




