O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, presentou no Parlamento galego as contas do seu departamento para o vindeiro ano, que medran un 2,46 % ata superar os 507,5 millóns de euros. Destacou o investimento de 5 millóns de euros para comezar a despregar o Plan integral para a mellora da prevención, o benestar laboral e a reincorporación saudable ao traballo en Galicia, que reforzará o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga).
En canto á formación, porase en marcha un plan de 8 millóns de euros en habilidades do futuro para o desenvolvemento de tecnoloxías estratéxicas, que permitirá o recoñecemento das primeiras microcredenciais. Ademais, destínanse máis de 74,5 millóns de euros á formación de persoas desempregadas e 12,8 millóns de euros á cualificación de persoas ocupadas, incluíndo liñas como os Bonos Talento Empresa.
O departamento tamén impulsará o emprendemento cunha liña de 1,5 millóns de euros para iniciativas vinculadas a programas como Rural Activo e obradoiros de emprego, e aumentará o Bono Remuda a 1,7 millóns de euros. A Estratexia Galicia Retorna contará con máis de 4 millóns de euros para atracción de talento e reeditaranse as axudas de rehabilitación de vivenda para traballadores (1,5 millóns de euros).
No ámbito do comercio, reforzarase o Plan estratéxico coa Rede de Mercados Excelentes, a Rede Autonómica de Feiras e as Tendas Vivas. O apoio ao traballo autónomo contará con máis de 42 millóns de euros.




