O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado pola directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, asinou as addendas aos convenios subscritos coas 17 entidades especializadas na atención á diversidade. A Xunta destina a este servizo máis de 2 millóns de euros para o curso 2026-2027, o que supón un incremento de case un 6% respecto ao curso anterior.
Estes acordos cobren o 100% do gasto derivado dos desprazamentos, que se realizarán a través de 79 rutas. O alumnado beneficiado, un total de 467 alumnos e alumnas, acudirá a máis dunha vintena de centros educativos e de rehabilitación. A medida enmárcase no compromiso da Xunta coa atención á diversidade e busca garantir o acceso á ensinanza en igualdade de condicións.
As entidades asinantes inclúen asociacións como Aceesca, Amencer, Amicos, ASCM Ferrolterra, Aspace, Aspanaes, Aspanaex, Aspronaga, Autismo BATA, Autismo Ourense, A Esperanza do Val Miñor, Hogar y Clínica San Rafael de Vigo, I-LAB Centro Especial de Emprego, Nuestra Señora de Chamorro, San Xerome Emiliani, Fundación Menela e Lenda Educativa Sociedade Cooperativa Galega.
O Goberno galego colabora con estas entidades sen ánimo de lucro e centros especiais de emprego para facilitar o desprazamento do alumnado con distintos tipos de discapacidade, incluíndo traslados a centros de rehabilitación cando coincidan co horario escolar. As asociacións comprométense a facilitar os vehículos adaptados e o persoal de acompañamento e atención necesario para cada desprazamento.




