Este laboratorio universitario, adscrito ao CRETUS, coas docentes Lucía Martín Gisbert e Alberto Ruano Raviña como investigadoras principais, colaborou con sociedades científicas, outras universidades, sindicatos e institutos autonómicos de seguridade e saúde no traballo para elaborar este documento pioneiro.
O protocolo establece recomendacións para o seguimento de persoal traballador exposto a concentracións elevadas de radón que superen a dose de radiación fixada (6 mili sieverts por ano oficial). Destaca a obriga das persoas empregadoras de clasificar os traballadores expostos e subliña pautas para o persoal médico do traballo co fin de reducir o risco de cancro de pulmón, considerando factores como o consumo de tabaco, outras exposicións carcinoxénicas e a presenza de radón nos domicilios. Non se recomendan probas médicas con radiación ionizante, como o TAC de baixa dose, por falta de evidencia científica.
O persoal investigador da USC lembra que os postos de traballo en planta baixa ou baixo rasante en máis de 1.600 municipios españois clasificados como zona II (zona de risco) polo Consejo de Seguridad Nuclear teñen a obriga de medir radón. En Galicia, a práctica totalidade dos municipios atópanse nesta situación, e as medicións deben realizarse con laboratorios acreditados durante tres meses entre o 1 de outubro e o 31 de maio.
O Laboratorio de Radón de Galicia está acreditado para a medición de radón no ámbito laboral e ofrece servizos como unha calculadora estatal para converter concentracións de radón en doses efectivas e o Mapa de Radón de Galicia, que con 6.080 medicións en vivendas galegas, é o máis detallado do Estado, segundo explica o profesor Ruano.




