A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, anunciou hoxe no Pleno do Parlamento autonómico que os novos orzamentos da Xunta destinarán 1.535 millóns de euros a esta área, o que supón un incremento do 10% e a converte na consellería que rexistra o maior crecemento. García reafirmou a aposta do Executivo galego por un modelo de atención que respecta a liberdade das persoas para elixir onde e como queren ser coidados.
A conselleira puxo en valor o impulso histórico á dependencia, superando as 99.200 persoas con servizo ou prestación, cunha ratio de atención do 99% e reducindo os tempos de espera en case tres meses. Galicia é a comunidade autónoma que máis axilizou a tramitación destes recursos.
García afirmou que o modelo da Xunta dá resposta á preferencia maioritaria das persoas dependentes de seguir sendo coidadas nas súas casas. Para iso, o Bono Coidado no Fogar incrementará o seu orzamento en 2027 ata os 277 millóns de euros, case 100 millóns máis, permitindo aumentar os beneficiarios desta axuda, que xa supera os 43.000. Tamén se amplía a rede de casas do maior, con máis de 150 recursos no rural, e refórzase o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) con 150 millóns de euros extra aos concellos.
Respecto á atención residencial, aumentarán as prazas sostidas con fondos públicos a través de novas residencias financiadas pola Fundación Amancio Ortega, o Plan de investimentos e un novo proxecto que prevé a creación de 25 novos centros e máis de 1.800 prazas, xerando máis de 4.000 empregos.
Fabiola García criticou a xestión do Goberno central, ao que acusou de “facer caixa a costa dos dependentes galegos”, sinalando que o Executivo central incrementou a súa débeda neste ámbito en 250 millóns de euros no último ano, superando os 3.000 millóns. Lamentou que o Goberno central siga sen achegar o 50% da factura da dependencia obrigado por Lei e aplique criterios diferentes entre territorios.




