A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participou hoxe na entrega dos Premios Ícarus 2026. Estes galardóns enmárcanse nun programa da Universidade de Santiago de Compostela (USC), co apoio da Xunta, que busca estimular no estudantado unha reflexión sobre a aplicación social e económica do coñecemento contido nos seus traballos de teses de doutoramento e fin de grao (TFG) e mestrado (TFM). Mariño celebrou que os proxectos recoñecidos poidan contribuír a dar pulo ao emprendemento en Galicia.
Mariño destacou a distinción de iniciativas de todas as áreas de coñecemento impartidas na USC: Artes e Humanidades, Ciencias Experimentais, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas, e Enxeñaría e Arquitectura. Ademais dos traballos premiados e con accésits, agradeceu a implicación do alumnado dos campus de Santiago e Lugo que se inscribiu voluntariamente para dar resposta aos retos da sociedade.




