O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, mantivo unha xuntanza cos directivos da Confraría de Pescadores do Grove para avaliar liñas de traballo conxuntas co obxectivo de reforzar a competitividade e a sustentabilidade do sector marítimo-pesqueiro local. O encontro enmárcase no contacto permanente da Consellería do Mar coas entidades do sector.
Durante a reunión, analizouse o impacto das actuacións realizadas polo pósito a través das diferentes liñas de axuda autonómicas e abordáronse as necesidades actuais dos profesionais que desenvolven a súa actividade na zona. O obxectivo é deseñar novas colaboracións que avancen na competitividade, seguridade e sustentabilidade da actividade estratéxica da área.
O director xeral reafirmou o compromiso da Xunta de seguir cooperando estreitamente coa Confraría do Grove, dentro do modelo de cogobernanza na xestión pesqueira e marisqueira na comunidade, para garantir a sustentabilidade económica e ambiental dun sector estratéxico para Galicia.




