O Goberno galego destinará 40 millóns de euros a atraer a Galicia grandes proxectos industriais nos sectores da seguridade, a defensa e o aeroespazo. Esta medida, que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, cualificou de "pioneira en España", realizarase a través da fórmula da Compra Pública Precomercial e enmárcase na Iniciativa Estratéxica de Seguridade, Defensa e Aeroespazo 2025-2030 (Iesda).
A través desta actuación, a Xunta busca impulsar novas capacidades industriais e atraer proxectos de innovación e desenvolvemento tecnolóxico que impliquen fabricación en Galicia, co obxectivo de xerar valor engadido, investimento produtivo e emprego cualificado. "Queremos aproveitar a oportunidade dun sector estratéxico como o da defensa e a seguridade", sinalou Rueda.
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, detallou que os proxectos seleccionados deberán desenvolver solucións innovadoras para retos en ámbitos como a seguridade, a defensa, as emerxencias, a protección civil, a busca e rescate, a xestión do litoral, a ordenación do territorio, o medio ambiente, o medio rural, a protección de infraestruturas críticas, a ciberseguridade, a mobilidade e a atención social e sanitaria. Estes proxectos deberán ser de tecnoloxías duais, aplicables tanto ao ámbito civil como ao de defensa.
A convocatoria naceu dun diálogo estratéxico coa industria no que participaron 78 empresas. O procedemento está dirixido a empresas comunitarias e non comunitarias, así como a agrupacións con un volume de negocio medio anual superior aos 5 millóns de euros nos últimos tres exercicios e con experiencia en proxectos de I+D+i de alta tecnoloxía.
A fabricación en Galicia será un criterio relevante na selección de socios estratéxicos e tecnolóxicos para reforzar a cadea de valor galega. A selección realizarase mediante un diálogo competitivo estruturado en tres fases, e o prazo para presentar solicitudes remata o 30 de setembro.
Esta licitación é a primeira das tres actuacións previstas no Programa Ecosistema da Iesda, que prevé un investimento total de 621 millóns de euros (84 millóns públicos da Xunta) e aspira a mobilizar 900 millóns e crear máis de 500 empregos directos de alta cualificación ata 2030. O programa tamén inclúe o desenvolvemento de proxectos de soberanía tecnolóxica e a creación de consorcios galegos.
Galicia xa ten experiencia no impulso de acordos de asociación estratéxicos, con dúas licitacións de compra pública precomercial realizadas desde 2015 con empresas como Airbus, Boeing, Indra, Aertec, Tecnobit e Telespazio.
Ademais, a Xunta xa puxo en marcha outros instrumentos de apoio como as Axudas Industria Dual 2026 (6 millóns de euros) e axudas ao posicionamento de empresas galegas como subministradoras (1,5 millóns de euros), ademais de promover un programa executivo en industria de defensa en colaboración coa EOI.




