O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a nova convocatoria dos programas integrados de emprego para o bienio 2026-2027, que elevan o seu orzamento a 11 millóns de euros. O obxectivo é impulsar 50 PIE de 12 meses de duración, cunha suba orzamentaria superior ao 7% con respecto ao ano pasado, para consolidar a formación e orientación para o emprego, con foco na creación de postos de traballo de calidade e na cobertura de vacantes laborais en sectores estratéxicos.
A convocatoria está dirixida a entidades locais (con 4,4 M€) e a entidades sen ánimo de lucro (con 6,6 M€). Como novidade, resérvase 1 millón de euros para programas destinados a persoas en situación ou risco de exclusión social, aos que só poderán acceder entidades inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais. Ademais, mantéñense as reservas de 2 M€ para mulleres desempregadas e outros 2 M€ para persoas maiores de 52 anos.
Estes programas, nos que participaron unhas 67.000 persoas cun investimento superior aos 130 M€ desde 2009, combinan orientación, asesoramento, formación teórico-práctica e a posibilidade de realización de prácticas profesionais non laborais en empresas. Valoraranse proxectos innovadores, con formación en especialidades relacionadas con sectores estratéxicos ou cun alto nivel de inserción.
Cada programa integrado de emprego estará formado por 100 ou 60 persoas en paro, establecendo que un mínimo do 35% dos participantes deberán ser inseridos no mercado laboral durante a execución do proxecto. Entre as novidades, redúcese a documentación necesaria, aumenta o importe máximo subvencionable por PIE e a porcentaxe de imputación do persoal propio da entidade.
O prazo de solicitude arranca mañá, día seguinte á publicación no DOG, e prolongarase ata o próximo 24 de agosto.




