A conselleira do Mar, Marta Villaverde, trasladou hoxe ao Goberno central a Posición común impulsada por Galicia e consensuada con todas as Comunidades Autónomas ante a Visión 2040 para a pesca e a acuicultura da Comisión Europea, na que se reclama unha reforma da Política Pesqueira Común (PPC). Ademais, para defender dita Posición común a conselleira solicitou, formalmente, intervir o vindeiro luns, 23 de novembro, no Consello de Ministros de Agricultura e Pesca (Agrifish) que se celebra en Bruxelas e ao que acode na delegación española como representante semestral das autonomías en materia de pesca.
Villaverde enviou unha carta ao Ministerio explicando os detalles do documento acordado entre as Comunidades Autónomas e que defendeu ante o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación esta mesma tarde no Consello Consultivo de Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios, celebrado por videoconferencia, e que serve de preparación para a reunión do Agrifish.
No marco do debate sobre a Visión 2040, a conselleira instou ao ministro a solicitar que a Comisión Europea inclúa no seu programa de traballo para 2027 unha folla de ruta que concrete o alcance e o calendario da reforma. A conselleira puxo o acento na necesidade de revisar a obriga de desembarque para evitar que o esgotamento da cota dunha soa especie paralice as pesqueiras mixtas e de adaptar os límites de capacidade dos buques para facilitar a renovación da frota sen aumentar a súa capacidade de captura. Tamén volveu reclamoar un fondo pesqueiro propio con recursos suficientes para financiar estas medidas.
En relación coa proposta de cotas do Atlántico para 2027, a titular de Mar cualificou de inasumible o recorte do 20 % que propón a Comisión para a pescada do sur. Por iso, pediu ao Ministerio que defenda nas negociacións o mantemento do criterio aplicado este ano ou, de ser preciso un axuste, que a redución sexa menor e gradual, tendo en conta tamén os aspectos socioeconómicos.
Ademais, Villaverde solicitou que a cota de ollomol permita manter a actividade nas pesqueiras mixtas e que as subas propostas para o peixe sapo e o xurelo se trasladen integramente ás cotas da frota. No caso da sardiña, reclamou que se definan con antelación o método e o calendario para fixar as capturas, de xeito que o sector poida planificar a campaña, e coincide coa intención do ministro de pedir un modelo de xestión que non mingüe as capturas dunha especie fundamental para a nosa frota.




