A música sempre foi unha constante na vida de Uxía Rodríguez Pérez (Santiago de Compostela, 2003), veciña de Marrozos. O que comezou como un impulso para probar sorte no concurso Recantos, integrado no programa Luar da Televisión de Galicia, converteuna nunha das aspirantes a gañar. A súa participación debeuse en gran parte á insistencia da súa avoa, unha fiel seguidora do espazo televisivo.
A sorpresa foi grande cando foi seleccionada. Uxía leva cantando dende nena, unha paixón que foi cultivando primeiro no ámbito familiar e entre amigos, quen lle animaron a seguir, e despois con clases de canto. Forma parte da Asociación Cultural Pena Maior de Marrozos e do grupo de pandereteiras Son de Ferreña, experiencias que enriqueceron o seu crecemento musical e o seu vínculo coa arte.
A pesar da súa dedicación, Uxía non contempla a música como unha profesión futura. "Véxoa máis como un hobby, algo que me fai sentir ben, que disfruto e me permite desconectar", confesa, aínda que recoñece que é unha parte moi importante da súa vida.
A experiencia en Recantos é diferente a outras participacións televisivas da súa infancia, como en Pequenos Fenómenos. "Como adulta xa o tomei con outra perspectiva, con moitos nervios, aínda que tamén con moitas ganas", admite. O concurso, que comezou con preto de vinte participantes, chega a unha fase decisiva onde só catro poderán ser semifinalistas tras a eliminación de dous deles esta noite.
O apoio da súa contorna é fundamental. "O que me move é a miña familia e a razón pola que estou no concurso é miña avoa", reitera. Destaca o cariño e a implicación dos seus veciños de Marrozos, que seguen cada gala con atención, chegando a organizar visionados conxuntos para apoiala.
Entre as súas actuacións, garda un recordo especial para a interpretación de "O home e o piano", unha das súas cancións favoritas. A pesar do medo inicial a "gafar" a canción, a experiencia resultou moi positiva e quedou "moi contenta co resultado".
Uxía evita falar de rivalidades e céntrase en transmitir emoción coa súa voz. "O que quero é facer sentir á xente o que eu sinto cando o fago", afirma, esperando que o apoio do público se basee na súa conexión coa música.




