A cerimonia foi presidida pola reitora Rosa Crujeiras, acompañada na mesa polo decano da Facultade, José M. Carreira; o xerente do CHUS, Ángel Facio; e a secretaria académica da Facultade, María Jesús Tabernero.
A reitora destacou o valor da facultade para preparar profesionais esenciais para o coidado da sociedade e referiuse aos retos de fortalecer a odontoloxía e afrontar a descentralización da docencia clínica en medicina, subliñando a importancia de manter a calidade formativa e asistencial.
Crujeiras tamén sinalou que arredor da Facultade e do seu hospital universitario construíuse un ecosistema biosanitario de gran valor, que conecta investigación básica e práctica clínica, impulsando a ciencia traslacional e mellorando a atención aos pacientes. Considerou este patrimonio colectivo como algo que se debe coidar e fortalecer para non debilitar a capacidade científica, sanitaria e económica que achega á sociedade.
Durante o acto, entregáronse placas honoríficas ao persoal xubilado durante o curso pasado, entre eles Eduardo Olveira Gallardo e Julián Álvarez Escudero. Carlos Dieguez Gónzalez, o profesor con máis antigüidade, agradeceu en nome dos galardoados.
Ademais, outorgáronse mencións á colaboración Universidade-Empresa en Ciencias da Saúde 2025, premios extraordinarios de Grao, mestrado e doutoramento, e mencións á participación estudantil en Proxectos de Innovación Docente e a asociacións de estudantes.
Interviron tamén Diana Fernández Méndez, Ángel Facio Villanueva e o decano José Martín Carreira Villamor, quen pronunciou o discurso institucional.




