O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, compareceu esta mañá na Comisión 3ª do Parlamento de Galicia para presentar os orzamentos do seu departamento para 2027. A Xunta destinará un total de 132,3 millóns de euros, o que supón un incremento de 6,39 millóns respecto ao ano anterior, co obxectivo de incrementar a competitividade do sector turístico galego, enriquecer a oferta, potenciar a promoción internacional e repartir de xeito equilibrado os beneficios económicos en todo o territorio.
As contas buscan consolidar Galicia como un destino turístico competitivo, moderno, sostible e equilibrado. Entre as prioridades atópanse a modernización tecnolóxica das empresas, a mellora das infraestruturas, o impulso á dixitalización e o marketing dixital, así como a promoción de novos produtos como o enoturismo e o turismo premium, dirixidos a atraer visitantes de maior poder adquisitivo. Tamén se destinarán 8 millóns de euros á eficiencia enerxética dos establecementos turísticos, cofinanciados con fondos FEDER.
Turismo de Galicia tamén reforzará a promoción internacional, elevando o investimento a 16 millóns de euros. Ademais, destinaranse 5 millóns de euros para apoiar actuacións de mellora da oferta nos concellos e xeodestinos, impulsando proxectos de accesibilidade, mobilidade, xestión de residuos e dixitalización.
A celebración do Xacobeo 2027 terá un peso destacado, cunha dotación global de 96,67 millóns de euros. Isto inclúe o Fondo Ultreia Xacobeo, con 9 millóns de euros para canalizar achegas de empresas patrocinadoras, e 7 millóns para o mantemento e conservación dos itinerarios xacobeos. O programa 'O Teu Xacobeo' contará con 3 millóns de euros para promover iniciativas locais.
“"Son contas para investir, para ordenar, para formar, para promocionar e para conservar. Contas que apoian ás empresas e aos concellos, que coidan dos peregrinos e das comunidades residentes e que reforzan a posición internacional de Galicia."




