A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) abriu o prazo para a décimo quinta edición do programa Tecnólog@ por un día. Esta iniciativa permitirá que estudantes de secundaria e bacharelato, con idades comprendidas entre os 12 e os 17 anos, coñezan de preto o funcionamento dunha organización tecnolóxica, acompañando durante unha xornada a profesionais da Amtega ou de empresas TIC colaboradoras en Galicia.
O programa busca achegar o alumnado ao ámbito tecnolóxico a través do contacto directo con profesionais do sector. As visitas permitirán descubrir o funcionamento dos centros de traballo, coñecer proxectos reais e familiarizarse coas ferramentas e coñecementos vinculados ás novas profesións dixitais. O obxectivo é fomentar as vocacións STEAM e ampliar o coñecemento sobre as oportunidades profesionais na ciencia e a tecnoloxía.
Esta iniciativa forma parte do Plan DigiTalent 2030: Camiña en Dixital, centrado na inclusión, capacitación e talento dixital en Galicia. En concreto, enmárcase no seu terceiro eixo estratéxico, que promove vocacións desde idades temperás e o desenvolvemento de talento dixital avanzado.
Nesta edición ofértanse 63 prazas para visitas ao Centro GaiásTech ou ás instalacións de empresas tecnolóxicas como Altia, Bahía Software, DXC Technology, NTT DATA e Quobis.
A participación realizarase a través dos centros educativos. O profesorado tramitará a inscrición dos alumnos interesados ata o 3 de novembro. O formulario de inscrición e a documentación necesaria, incluída a autorización dos pais ou titores, estarán dispoñibles na web DigiTalent.




