O proxecto REHEAL conta cun orzamento total de 7,3 millóns de euros, dos cales 3,7 millóns se destinan especificamente á compra pública precomercial liderada polo Servizo Galego de Saúde (Sergas). Ao longo dos dous días da asemblea, os socios do proxecto revisaron os avances e coordinaron os traballos de preparación da futura licitación.
A iniciativa reúne entidades de seis países europeos: España, Reino Unido, Dinamarca, Polonia, Grecia e Bélxica. Inclúe cinco entidades compradoras que colaboran na definición e validación de solucións innovadoras adaptadas ás necesidades dos seus respectivos sistemas sanitarios. O Sergas, como entidade compradora líder, asume as funcións de contratación e xestionará a licitación conxunta en representación das entidades europeas.
O obxectivo central do proxecto é o desenvolvemento dunha solución dixital integrada que permita mellorar o seguimento dos produtos sanitarios ao longo do seu ciclo de vida. Esta ferramenta facilitará a toma de decisións de compra mediante a análise de custos e impactos ambientais, e avaliará o potencial de implantación de modelos circulares a maior escala.
Durante o encontro, os socios analizaron os resultados das consultas preliminares ao mercado, identificaron barreiras tecnolóxicas e valoraron a viabilidade das solucións expostas. Tamén se abordou a planificación das futuras experiencias piloto, tomando o ámbito cirúrxico como caso de uso común para a validación das solucións nas diferentes contornas sanitarias europeas.
O departamento sanitario galego presentou as súas propostas relativas á estrutura e o contido da documentación da licitación, así como ao modelo de gobernanza e ao procedemento de avaliación e selección das solucións. Este instrumento permite ás administracións públicas impulsar a investigación e o desenvolvemento de solucións innovadoras que respondan a necesidades aínda non cubertas polo mercado.




