Un total de 21.909 aspirantes foron admitidos de forma definitiva para as 826 prazas ofertadas. Destas, 496 inscribíronse pola quenda de promoción interna, 19.379 pola de acceso libre, 1.729 pola de discapacidade xeral e 305 para prazas reservadas a persoas con discapacidade intelectual.
Por tipo de categoría, 1.081 prazas son para licenciado sanitario, 1.723 para diplomado sanitario e 19.105 para xestión e servizos. A categoría con maior número de admitidos é o grupo auxiliar da función administrativa, con 7.994 aspirantes, seguida de celador, con 7.599.
Preto do 87% dos admitidos están exentos de realizar a proba de lingua galega por posuír o certificado oficial correspondente.
As prazas ofertadas distribúense en 58 para licenciado sanitario (incluíndo farmacéutico, médico asistencial do 061, médico de admisión e documentación clínica, médico xeral de ADOS e odontólogo de Atención Primaria), 88 para diplomado sanitario (dietista-nutricionista, fisioterapeuta, logopedista e terapeuta ocupacional), e 680 para xestión e servizos (calefactor, celador, condutor, electricista, fontaneiro, grupo auxiliar da función administrativa, lavandeiro, mecánico, técnico especialista/xestión/superior de sistemas e tecnoloxías da información e traballador social).
As listas definitivas de admitidos e excluídos, así como os aspirantes exentos e non exentos do exercicio de lingua galega, están dispoñibles na web do Servizo Galego de Saúde ([www.sergas.es](http://www.sergas.es/)). Os aspirantes tamén poden consultar o estado das súas solicitudes no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e.
Para calquera dúbida ou consulta, os aspirantes poden dirixirse ao correo electrónico [oposicions@sergas.es](mailto:oposicions@sergas.es), aínda que estas consultas non terán a consideración de recurso.




