Con motivo da celebración do espectáculo pirotécnico dos fogos do Apóstolo en tres puntos da cidade, Santa Susana (Alameda), parque de Carlomagno (Fontiñas) e Cidade da Cultura, haberá restricións circulatorias e de estacionamento. Establecerase unha zona de protección de 120 metros ao redor de cada punto de lanzamento, onde non se poderá estacionar a partir das 14:00 horas do venres 24 de xullo. Este perímetro estará sinalizado con valos e cintas.
A veciñanza e locais próximos serán informados da prohibición de entrar nas áreas de protección e de saír e entrar nas vivendas situadas nesas áreas entre as 23:00 e as 24:00 horas durante o lanzamento dos fogos. A circulación cara ao Monte Pedroso e á Granxa do Xesto tamén estará prohibida a partir das 18:00 h do 24 de xullo.
En canto á circulación, estableceranse restricións de acceso, estancia e tránsito a partir das 23:00 horas nas zonas de seguridade dos puntos de lanzamento. A Policía Local indicará os desvíos e prohibicións correspondentes.
O 25 de xullo, por motivos de seguridade, restrinxirase o acceso á praza do Obradoiro durante a Ofrenda ao Apóstolo (aproximadamente entre as 9:30 e as 13:00 horas). Acotarase un espazo para o público na rúa de Fonseca, sen permitir a entrada con bolsos ou mochilas de gran tamaño.
Ademais, por mor das manifestacións que sairán da Alameda, recoméndase aos condutores evitar o entorno da praza de Galicia entre as 11:30 e as 14:30 horas. Tamén se pecharán á circulación a avenida das Ciencias e a avenida de Novoa Santos os días 24 e 25 de xullo de 2026 por mor da celebración do Festigal 2026, sen poder aparcar en varios tramos destas rúas ata o día 27 de xullo.
A Concellaría de Mobilidade e Convivencia pide á cidadanía que respecte as indicacións da Policía Local e a sinalización, e que evite circular polas zonas afectadas, retirando os vehículos das áreas de prohibición de estacionamento con antelación para evitar a súa retirada pola grúa municipal.




