O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou hoxe a iniciativa da Xunta co Rexistro Galego de Persoas Centenarias, REGACE, durante a presentación do libro Galicia Vive+. O obxectivo é estudar a lonxevidade e comprender as razóns polas que os galegos viven máis tempo, co fin de avanzar en vivir mellor.
Actualmente, Galicia rexistra preto de 1.800 persoas centenarias, o que representa un 12 % do total en España. Ante esta realidade, o Executivo galego creou este proxecto pioneiro co fin de coñecer mellor os factores asociados á lonxevidade e mellorar a atención sanitaria da poboación de 100 anos ou máis.
O titular de Sanidade subliñou que a prevención é clave na medicina, xunto cunha alimentación equilibrada, a actividade física, o descanso adecuado e o benestar emocional.
Neste sentido, a Xunta impulsa dende hai anos políticas centradas na promoción da saúde. Entre elas, destaca o Plan Obesidade Zero, que fomenta a actividade física regular, hábitos alimentarios saudables, actuacións preventivas e a sensibilización na comunidade educativa e entre as familias. Tamén se desenvolve o programa Adestra a túa Saúde, enfocado á prescrición de actividade física no ámbito sanitario, e a Rede Galega de Promoción da Saúde (REGAPS), que busca visibilizar e organizar actividades de promoción da saúde en Galicia.
O libro Galicia Vive+, presentado hoxe e coordinado por Pilar Rodríguez Ledo, presidenta da Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia, invita á reflexión sobre como desexamos vivir e envellecer. A obra reúne a visión de especialistas de diversas áreas como a xenética, inmunoloxía, neuroloxía, nutrición, atención primaria, termalismo e saúde pública, poñendo de manifesto que a lonxevidade é un fenómeno multidisciplinar.
Galicia consolídase como un laboratorio natural da lonxevidade, e a Xunta busca que este liderado se traduza en máis investigación, coñecemento e capacidade para afrontar os retos do envellecemento.




