Durante unha visita ás obras de fin de reforma integral do centro de saúde e unidades de saúde mental de Conxo, en Santiago de Compostela, acompañado polo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, Rueda subliñou que esta actuación é unha "mostra moi boa da Galicia Calidade en sanidade". O Goberno galego destinou 5,5 millóns de euros a esta reforma e ampliación, cofinanciados con fondos europeos FEDER Galicia 2021-2027.
O proxecto conservou o valor patrimonial e histórico do edificio, mentres que o interior foi completamente renovado, duplicando o espazo útil de 400 a case 1.000 metros cadrados. Os máis de 5.000 veciños adscritos ao centro beneficiaranse de máis servizos e espazos máis amplos, incluíndo novas consultas de medicina de familia, enfermaría, cirurxía menor, unha sala de urxencias, dúas salas de técnicas e unha nova unidade de saúde bucodental, ofrecendo así unha resposta sanitaria máis completa e eficaz.
Ademais, renováronse e ampliáronse as dúas unidades de saúde mental do centro, que dan cobertura de referencia a preto de 150.000 persoas de Santiago e concellos da contorna. Creouse tamén unha nova unidade de psicoxeriatría con catro consultas específicas para a atención de persoas maiores.
Segundo apuntou o presidente, está previsto que o centro comecen a súa actividade asistencial este mes de agosto. Rueda salientou a importancia das "contornas físicas" para "adaptarse a unha sanidade moderna", e asegurou que a Xunta continúa traballando polo sistema sanitario. Na área sanitaria de Santiago, estase a realizar un importante esforzo coa próxima posta en marcha do primeiro Centro de Protonterapia de Galicia, a ampliación do Hospital Clínico e o aumento da zona de urxencias, ademais dun plan para mellorar a mobilidade na contorna do hospital.
Esta intervención enmárcase dentro do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, cun investimento de máis de 162 millóns de euros desde 2009 na construción ou reforma de 138 centros de saúde. Actualmente, execútanse cinco novos centros e a reforma integral do centro da Milagrosa en Lugo.
O presidente reafirmou o compromiso do Goberno autonómico coa modernización das infraestruturas e a reforma integral da Atención Primaria en toda Galicia, un plan que se presentará na súa integridade en setembro.




