O obxectivo é resolver de xeito continuado, rápido e eficiente as consultas, incidencias e avarías que poidan producirse no labor habitual dos traballadores dos centros hospitalarios. As empresas interesadas teñen de prazo ata o 10 de setembro para presentar as súas ofertas.
As unidades de tecnoloxías da información dos distintos centros sanitarios teñen entre as súas misións garantir a correcta atención aos usuarios das infraestruturas informáticas básicas e dos sistemas de información corporativos. Esta atención é un pilar fundamental para soster a actividade dixital e garantir a confianza dos usuarios ante calquera dúbida ou erro no seu traballo cotián.
A dixitalización da actividade asistencial na rede hospitalaria do Sergas é unha realidade consolidada, polo que se fai necesario garantir a calidade do servizo de atención ao elevado número de profesionais que utilizan os sistemas de información nos centros hospitalarios de cada área sanitaria.
O contrato terá unha vixencia inicial de 12 meses, cun prazo máximo de duración, incluídas posibles prórrogas, de 5 anos. O valor estimado ascende a 11.871.641 euros.
Os servizos incluídos abranguen consultas e solicitudes, peticións de desenvolvemento de programas, xestión de incidencias, cambios en aplicacións, instalación e configuración de hardware e software, tarefas preventivas programadas e a implantación de novas aplicacións.
Entre as novidades cuantitativas destaca o incremento do número máximo de usuarios atendidos por área sanitaria, que pasa de entre 4.500 e 7.000 a entre 12.500 e 15.000, e a ampliación do catálogo de aplicacións soportadas de 150 a 200 sistemas.
Desde o punto de vista técnico, refórzanse os requisitos de seguridade coa esixencia de certificacións ISO 9001, ISO 27001 e o Esquema Nacional de Seguridade. Tamén se introducen novos mecanismos de seguimento e control, con obrigas específicas de informes, integración co sistema de xestión da calidade e penalizacións polo incumprimento.




