A prevención de incendios forestais en Vigo comeza coa xestión da maleza en terreos privados. O goberno local mantén un programa anual de control e limpeza de parcelas, impondo sancións cando os propietarios non cumpren coa súa obriga. Estas multas ascenderon o ano pasado a 300.000 euros, asociadas a preto de 800 expedientes por maleza, residuos e outras situacións que comprometen a salubridade e a seguridade.
O obxectivo principal é minimizar a presenza de material combustible en parcelas abandonadas ou sen mantemento, que poderían converterse en focos de propagación do lume, especialmente durante os meses de verán. A actividade deste servizo intensifícase en xuño e xullo, coincidindo coa tempada de maior risco.
“"O Concello atende permanentemente a situación de maleza nas fincas de Vigo, actuando como responsable subsidiario cando así se lle require."
O procedemento municipal inclúe a apertura de expedientes e a emisión de ordes de limpeza aos propietarios. No caso de incumprimento, o Concello pode executar os traballos de desbroce e repercutir os custos aos titulares. En situacións extremas, contemplase incluso a expropiación dos terreos.
Durante o pasado ano, as multas coercitivas sumaron 284.050 euros, o que supón un incremento do 56% respecto aos 181.099 euros do ano anterior. Abríronse 786 expedientes por fincas con maleza ou insalubres, dos cales 126 se iniciaron en xuño e 144 en xullo, reflectindo o aumento da actividade previa ao verán. Resolvéronse 779 procedementos, incluíndo casos de anos anteriores, facilitando a limpeza e xestión da biomasa acumulada.




