O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe no parque tecnolóxico de Porto do Molle as instalacións de UARX Space, empresa creadora do primeiro vehículo español que moverá satélites no espazo, OSSIE. Este lanzamento, previsto cara a California, marca un fito aeroespacial de vangarda internacional co selo Galicia Calidade, situando á comunidade como un referente tecnolóxico global.
Rueda subliñou o "orgullo" que supón este avance, destacando que "antes parecía que había que irse a países moi afastados para facer as cousas difíciles, cousas que parecían ciencia ficción hai uns anos, e agora resulta que as facemos aquí e as mandamos a todo o mundo e mesmo ao espazo". O presidente estivo acompañado pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana.
Felicitou á compañía por converter o talento galego nun referente global, recoñecido por axencias de prestixio mundial como a NASA. Consciente da importancia estratéxica dos ámbitos aeroespacial, da seguridade e da defensa, Rueda reiterou o apoio da Xunta a estes sectores.
A Iniciativa Estratéxica de Seguridade, Defensa e Aeroespacio (IESDA) destinará 183 M€ en cinco anos co obxectivo de mobilizar máis de 900 M€ de capital público-privado, priorizando o desenvolvemento e fabricación en Galicia. Ademais, o Consello autorizou 40 M€ para atraer grandes proxectos industriais a través da Compra Pública Precomercial, unha medida pioneira.
Este programa busca impulsar proxectos de tecnoloxías duais e favorecer que a fabricación se realice na comunidade, fortalecendo o motor de innovación galego e atraendo novas oportunidades.




