O premio foi concedido pola súa tese de doutoramento ‘El rastro de la identidad: la representación de las migraciones atlánticas por medio de la indexación semántica de corpus textuales en documentos de archivo (1776-1939)’, que obtivo unha cualificación de sobresaliente cum laude con Mención Internacional. A tese céntrase na representación das migracións atlánticas a través da indexación semántica de corpus textuais en documentos de arquivo entre 1776 e 1939.
Regina Carreira é especialista en análise semántico, identidade e xestión do patrimonio documental. No acto, a profesora Mª Dolores Fernández Tilve, codirectora da Cátedra de Xestión Cultural da USC, destacou que o traballo premiado é un exemplo “da excelencia científica, caracterizada polo rigor, a orixinalidade, a honestidade e a integridade”.
A entrega do galardón, presidida polo vicerreitor de Innovación e Transferencia do Coñecemento da USC, Marcelino Maneiro, contou coa presenza dunha nutrida representación de autoridades académicas, políticas e culturais, incluíndo o director xeral de Patrimonio Cultural da Xunta, a alcaldesa de Lugo, a subdelegada do Goberno en Lugo, a vicepresidenta primeira do Parlamento de Galicia, entre outros.
O Premio en Xestión Cultural ‘Ana Goy Diz’ busca promover e difundir estudos inéditos no campo da xestión cultural, contribuíndo á investigación e innovación no sector cultural e do patrimonio. Ademais, honra a memoria da finada Ana Goy Diz, catedrática de Historia da Arte da USC e figura clave na dinamización do patrimonio cultural.




