A obra, pertencente á Biblioteca de Divulgación do Consorcio de Santiago, propón descubrir unha parte do patrimonio arquitectónico compostelán que adoita pasar inadvertida. A publicación detalla 31 cúpulas, ordenadas cronoloxicamente, permitindo coñecer estes elementos e achegarse ás eleccións estéticas dos artistas e promotores que configuraron a arquitectura da cidade.
O libro inclúe cúpulas de edificios emblemáticos como a Catedral, o convento de San Domingos de Bonaval, o mosteiro de San Martiño Pinario, a igrexa do convento de Santa Clara, o mosteiro de San Paio de Antealtares, a igrexa das Orfas, o Pazo de Raxoi (a única nun edificio civil) e a da capela do Cristo de Santa María de Conxo, lugar da presentación.
A publicación ofrece a posibilidade de observar detalles arquitectónicos difíciles de apreciar no día a día, invitando a contemplar a cidade dende unha perspectiva diferente e a prestar atención ás estruturas que definen a súa identidade arquitectónica.
“"Pode converterse nunha magnífica guía para quen queira coñecer outra dimensión da cidade, xa que non conduce unicamente aos monumentos máis coñecidos, senón que invita a descubrir o que se agocha no seu interior e a comprender mellor a historia que cada un deles conserva."
José M.ª S. Sanmartín Míguez é doutor en Farmacia, historiador e membro correspondente da Real Academia de Farmacia de Galicia. Ten publicado máis dunha ducia de libros sobre historia da ciencia, tauromaquia e patrimonio arquitectónico compostelán.




