A Policía Local de O Barco activou o programa Vacacións Seguras co obxectivo de reforzar a vixilancia de vivendas e establecementos que permanecerán pechados durante o verán. Os veciños que vaian ausentarse dos seus domicilios por varios días, ou os establecementos que vaian pechar, aínda que sexa só por unha fin de semana, poderán rexistrarse neste plan.
Os datos dos inscritos, que incluirán información persoal, dirección, datas aproximadas da ausencia, un teléfono de contacto e unha persoa de confianza, gardaranse nun documento confidencial ao que só terá acceso a Policía Local. Durante o período vacacional, as patrullas policiais intensificarán a súa presenza nas vivendas e locais rexistrados no programa.
O inspector xefe da Policía Local, Fernando Lozano, explicou que o programa permitirá á xente "marcharse con tranquilidade" e que é "un servizo máis á cidadanía". Tamén anunciou a incorporación de dous auxiliares de Policía Local para reforzar o servizo.
Ademais, Lozano informou sobre un dispositivo especial de tráfico organizado pola Policía Local debido ao corte da travesía da N-536, á altura do cruzamento da rúa Santa Rita, por obras provisionais no colector de residuais, cualificando a xornada como "complicada".




