A polémica xurdiu tras o anuncio dunha promotora local, Tardeo Experience, que agrupa a tres pubs e unha sala de concertos, de organizar o primeiro "tardeo veraniego" na noite do vindeiro 23 de xuño. O evento, previsto para celebrarse dende as 18:30 ata as 02:30 horas, tería lugar nos xardíns do centro de interpretación das Burgas, un espazo declarado Ben de Interese Cultural (BIC) e que leva anos pechado ao público, agás a súa piscina.
A organización promete "música en directo, ambiente festivalero e unha posta en escena espectacular", con DJs convidados, zonas de descanso, barras e unha área gastronómica con foodtrucks. Ademais, anuncian un "espectáculo de fogos artificiais" cando caia a noite. Os promotores xa puxeron á venda entradas con prezos que varían entre os 12 e os 15 euros, e unha "Zona VIP" a 120 euros, cun lema que anticipa "que se vai liar parda".
Os organizadores, que levan "un par de meses" traballando na proposta, destacaron que "todas as figuras que porán música e achegarán o elemento gastronómico serán locais". Aseguran ter mantido conversas coa Concellería de Urbanismo, onde "se viu os posibles fallos, porque é todo un espazo histórico e hai que ter moito coidado para acotalo todo".
Se viu os posibles fallos, porque é todo un espazo histórico e hai que ter moito coidado para acotalo todo
Non obstante, dende a oposición municipal xorden as dúbidas sobre a autorización deste evento. O portavoz do BNG, Luis Seara, sinalou que "en Termalismo non saben nada do evento, e en Cultura remitiron a petición ó rexistro xeral", e engadiu que nin a Policía Local nin os Bombeiros de Ourense recibiron ningún plan de seguridade. A portavoz do PP, Ana Méndez, lembrou a incapacidade do goberno municipal para abrir a piscina termal e cualificou o lugar como "non axeitado", mentres que a socialista Natalia González tamén expresou as súas preocupacións. Ambas as dúas forzas políticas aproveitarán as xuntas de área do 16 de xuño para interrogar ao goberno municipal sobre este asunto.
Tanto o BNG como o PP consideran que o aforo proposto de mil asistentes podería ser perigoso, tanto polo tamaño do recinto como polo impacto potencial nunha zona protexida. A falta de información á oposición e a xestión dun espazo histórico pechado ao uso público agravaron as críticas.




