A explanada do polideportivo de Bertamiráns acolleu o festival de música infantil que puxo o broche final á cuarta edición do programa 'Modo Galego, Actívao!'. O evento contou coas actuacións de As Maianas, A Gramola Gominola e Uxía Lambona e a Banda Molona, que animaron a xornada con cancións en galego.
Esta iniciativa, organizada polo Concello de Ames e a Real Academia Galega, en colaboración coa Xunta de Galicia, conseguiu mobilizar a máis de 3.000 membros da comunidade educativa local. Durante catro semanas, os alumnos de Infantil á ESO dos once centros públicos de Ames empregaron exclusivamente a lingua galega nas súas actividades diarias.
“"Con festivais coma este damos un paso importante na normalización do idioma, xa que o obxectivo que temos todos é o mesmo: que o galego perdure. Como sempre digo, o galego non é patrimonio de ninguén en concreto, é patrimonio de todos e de todas. Agardo que este festival sexa unha actividade que vaia medrando cada ano e que perdure no tempo."
Ademais dos escolares, tamén participaron no festival familias usuarias do programa de dinamización lingüística Apego, que non teñen nenos escolarizados nos centros de Ames. A música de As Maianas, creadoras da banda sonora do programa, xunto coas outras agrupacións, contribuíu a crear un ambiente festivo e familiar.
O presidente da Real Academia Galega destacou o éxito da experiencia, que comezou como un programa piloto en Ames e xa se está a estender por outros concellos. Subliñou a excelente colaboración do Concello de Ames, do profesorado e das familias como clave para a expansión do proxecto.
Previamente ao festival, o 6 de febreiro remataron as actividades propostas na cuarta edición de 'Modo Galego, Actívao!', nas que participaron arredor de 2.700 alumnos, case 300 docentes e uns 200 profesionais da educación non formal. O programa pechou con foliadas en cada centro escolar, dirixidas polas pandeireteiras de As Maianas e asociacións de Bugallido, cantando a canción 'Falo galego porque quero!'.




