O IES Xelmírez II de Santiago, premiado en Enreguéifate pola súa "regueifa máis aguda"

Un grupo de segundo de ESO do instituto compostelán destacou na novena edición do certame de improvisación oral en verso.

Alumnado do IES Xelmírez II recollendo un premio nun acto cultural.
IA

Alumnado do IES Xelmírez II recollendo un premio nun acto cultural.

O alumnado de segundo de ESO do IES Xelmírez II de Santiago recollerá esta semana un dos galardóns da IX edición de Enreguéifate, un proxecto que fomenta a improvisación oral en verso e o uso do galego.

O acto de entrega terá lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra o vindeiro xoves 16 de abril, ás 11.45 horas. Este recoñecemento chega despois de que o seu vídeo fose distinguido co premio á "regueifa máis aguda" na categoría escolar, valorando a súa audacia, garbo, festividade e diversión na improvisación.
A convocatoria deste ano de Enreguéifate, impulsada polos concellos de Santiago, Ames, Arzúa, Carballo, Pontevedra e Teo, tiña como lema "Versos doutro universo". O grupo do Xelmírez II, baixo o pseudónimo de "As Astrovacas", centrou o seu traballo na "Misión Onomástica", utilizando os nomes dos centros de ensino público de Compostela. A melodía elixida para a súa regueifa foi a popular "Monte Viso".
Ademais, o CEIP Plurilingüe Cardeal Quiroga Palacios tamén foi recoñecido nesta edición de Enreguéifate coa proposta "Un día con nós", na categoría de "máis inclusiva".

Os vídeos con unha maneira de regueifar máis osada, garbosa, festiva e divertida.

Por outra banda, a alumna de 4º de ESO do IES Xelmírez II, Violeta Trillo Maschi, tamén será premiada esta semana. Recibirá o terceiro premio do III Certame Cousas do IES Félix Muriel de Rianxo, dotado con 100 euros e un diploma, pola súa obra Corazón brillante. A entrega será o venres 24 de abril no instituto rianxeiro, como peche da Semana do Libro.
O xurado do certame, que homenaxea a Castelao e o seu xénero da "cousa", destacou da obra de Violeta Trillo Maschi "o compromiso coa realidade do seu tempo, a reflexión sobre os efectos do uso inapropiado das novas tecnoloxías, a capacidade de síntese narrativa na liña de Castelao e un uso do grafito cun estilo propio e persoal".