A iniciativa, que aglutina a Mostra de Arquitectura Rural, presentouse co obxectivo de achegar a arquitectura á xente e superar barreiras coa sociedade. Os organizadores tamén reivindican a continuidade do evento ao longo de todo o ano, subliñando a importancia de establecer unha conexión duradeira co patrimonio.
As actividades comezaron o venres e continúan este sábado coa Casa Florencia de Sarandón como punto de partida. A xornada inclúe rutas temáticas como O mellor de cada casa e Arquitectura e auga, ademais do obradoiro Deseñar no límite. Pola tarde, abrirase unha mostra e realizaranse obradoiros como Hackear o patrimonio e Pintando palcos, PIPA, este último cun mural comunitario no palco da música de San Pedro.
“"Dende a escoita e o entendemento mutuo dependerá o que sexa Galicia no futuro."
Un dos momentos destacados do sábado será o coloquio Arquitectura e folclore, que contará coa participación de figuras como Quico Cadaval, Gus Couto, Xisco Feijóo, Susana Seivane e Julia Pozo. A xornada rematará con concertos de diversos artistas e agrupacións musicais.
Durante a presentación do festival, anunciouse a creación dunha asociación vinculada ao evento, que busca integrar unha parte artística e fomentar a colaboración entre profesionais e veciños. O apoio institucional da Deputación coruñesa, da Xunta de Galicia e do Concello de Vedra, xunto co respaldo empresarial, foi clave para a consolidación desta iniciativa cultural.




