O obxectivo da iniciativa é fomentar a participación cidadá na doazón de sangue durante os meses de verán. Para facilitar a colaboración dos veciños e veciñas deste municipio coruñés, a unidade móbil da Axencia estará estacionada en Cacheiras, ao carón do Restaurante Pórtico, das 15:30 ás 21:00 horas.
Esta campaña, que achegará a doazón a máis de 170 concellos galegos ata finais de agosto, busca garantir a participación e obter ao redor de 22.000 doazóns de sangue. ADOS lembra que son precisas 400 doazóns diarias para manter o abastecemento hospitalario, unha cifra que se mantén nos meses estivais, un período especialmente sensible pola deslocalización dos doantes habituais.
O seu xesto solidario contribúe ao posibilitar o tratamento de moitos doentes atendidos no noso sistema público de saúde.
As persoas que participen recibirán un agasallo, como unha almofada ou un balón de praia, como agradecemento por esta iniciativa que busca chamar a atención sobre a necesidade de doar mesmo durante as vacacións. As unidades móbiles terán unha importante presenza en municipios de costa e vacacionais.
A Axencia de Doazón de Sangue agradece á corporación municipal de Teo a súa implicación e o compromiso dos veciños e veciñas que xa doan. No pasado, este municipio acadou unha taxa de 11 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, un índice por baixo da media galega (39/1.000), polo que o obxectivo é incrementar progresivamente a participación cidadá.
Calquera persoa maior de 18 anos, que pese máis de 50 quilos e non padeza enfermidades transmisibles polo sangue pode participar. Para máis información, ADOS dispón do portal web ados.sergas.gal, redes sociais e o teléfono gratuíto 900 100 828.




