O alcalde de Val do Dubra denuncia "ataques e ameazas veladas" en redes sociais

Diego Luís Díaz presentou unha denuncia ante a Garda Civil por comentarios ofensivos recibidos durante catro meses.

Imaxe xenérica dun teléfono móbil mostrando iconas de redes sociais.
IA

Imaxe xenérica dun teléfono móbil mostrando iconas de redes sociais.

O alcalde de Val do Dubra, Diego Luís Díaz, presentou unha denuncia ante a Garda Civil por "ataques e ameazas veladas" que, segundo afirma, recibe en redes sociais dende hai catro meses.

Esta acción de Díaz súmase ás xa realizadas por outros cargos socialistas da comarca, como o alcalde de Ames, Blas García, o Concello de Padrón e os socialistas de Oroso, quen tamén levaron á Benemérita acusacións e ofensas vertidas principalmente en Facebook.
O rexedor de Val do Dubra explicou na súa conta de Facebook que a primeira denuncia foi interposta en decembro de 2025, seguindo o consello das autoridades para identificar a persoa detrás do perfil falso que o ataca. O pasado 6 de marzo, Díaz volveu ao cuartel para ampliar a denuncia inicial.

"Entendo o xogo político, pero considero que hai xeitos e xeitos de proceder. Detras dos cargos hai persoas, e concretamente esta forma de actuar tan baixa, repercute na saúde de quen o sofre, das suas parellas, familias ou amizades."

Diego Luís Díaz · Alcalde de Val do Dubra
O alcalde dubrés manifestou a súa disposición a continuar co proceso xudicial ata as últimas consecuencias, sen especular sobre a identidade dos responsables. Subliñou a importancia de que calquera reproche ou acusación se faga "de fronte e coas probas na man e non utilizando identidades falsas".