A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou hoxe o compromiso do Goberno autonómico co sector avícola galego, materializado en axudas para a transformación e comercialización de produtos agrarios. O orzamento destas iniciativas foi ampliado ata os 23 millóns de euros ata o ano 2028.
Gómez realizou unha visita ás instalacións de Ecocentro, empresa produtora de ovos de galiña campera baixo a marca El Huevo de la Abuela, situada en Melide (A Coruña). Esta explotación foi beneficiaria dunha achega de case 1 millón de euros para o desenvolvemento de varios proxectos.
A conselleira, acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, lembrou que a dotación orzamentaria desta liña de axudas aumentou ata os 23 millóns de euros, fronte aos preto de 19 millóns previstos inicialmente. Detallou que a convocatoria deste ano incluíu dúas liñas: unha para aumentar o valor das producións agrarias (15 millóns de euros) e outra para investimentos con obxectivos ambientais (7,9 millóns de euros).
Desde o ano 2016, financiáronse máis de 600 proxectos neste ámbito, cun investimento total de 195 millóns de euros para potenciar a industria agroalimentaria galega.
Ecocentro, que conta con máis de 220.000 galiñas e unha produción semanal de 140.000 ovos camperos, destaca pola súa aposta pola innovación tecnolóxica e a diferenciación de produtos de alta calidade. A empresa ten capacidade de envasado para 480.000 ovos por xornada.




