A iniciativa, impulsada pola Axencia e coa dirección técnica de Jorge Vila de Galicia Wine Academy, reuniu a 15 profesionais de Europa, América, Asia e Oceanía vinculados á formación, comunicación e comercialización do viño. Entre eles destacan responsables da prestixiosa Wine & Spirit Education Trust (WSET) e docentes de escolas especializadas.
Durante unha semana, os participantes percorreron as cinco denominacións de orixe vitivinícolas galegas —Rías Baixas, Ribeiro, Monterrei, Valdeorras e Ribeira Sacra—, visitando once adegas representativas. Esta experiencia permitiulles coñecer directamente as variedades autóctonas, os sistemas de cultivo e elaboración, e a vinculación dos viños coa paisaxe e a cultura de cada territorio.
O principal obxectivo do programa é formar profesionais que actúen como futuros prescritores dos viños galegos nos mercados internacionais, incorporándoos ás súas actividades docentes, catas e accións de divulgación. Esta actuación enmárcase na estratexia de promoción da Xunta de Galicia, a través de AGACAL, baixo a marca Aquí Sabemos.




