A agrupación de mariscadoras do río Anllóns suma esforzos ao plan extraordinario de continxencia activado polo Goberno galego para paliar a elevada mortalidade de bivalvos rexistrada a comezos de ano, provocada polas intensas choivas e borrascas que diminuíron a salinidade no litoral.
O convenio de colaboración, asinado pola conselleira do Mar, Marta Villaverde, e a presidenta da agrupación, Inés García, conta cun orzamento de 60.254,80 euros, cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa). As actuacións abranguen unha superficie de 118.254 m2 na marxe dereita da enseada do río Anllóns, entre a illa Cagalóns e a enseada de Insua, así como nos bancos de libre marisqueo do esteiro.
A programación dos traballos implicará de forma progresiva a un total de once profesionais, que traballarán en quendas de catro horas. Esta iniciativa busca garantir unha alternativa económica e un escudo social mentres se restaura o potencial produtivo das praias.
As tarefas incluirán a remoción manual e mecánica do substrato para airear o sedimento, a retirada de lixo mariño e macroalgas, vixilancias preventivas e a colaboración en mostraxes científicas. Tamén se realizarán rareos e traslados de exemplares de berberecho e ameixa xaponesa entre bancos para optimizar a súa supervivencia e crecemento.
O control biolóxico centrarase na redución do cangrexo común (Carcinus maenas) mediante a instalación de dúas caceas con nasas nas canles de Ourixeira e O Pendón. Ademais, a agrupación elaborará un proxecto técnico para mellorar a xestión integral e a sustentabilidade biolóxica do río.




