O proxecto de investigación de Manuela Pereira, titulado [Series improbábeis de encontros encontrados], traduciráse nunha serie audiovisual centrada en conversas entre artistas galegos para achegarse ao seu traballo e formas de crear. Pereira sinala a falta de espazos para falar das prácticas artísticas, especialmente nas institucións e na academia, e busca propiciar encontros entre persoas de distintas xeracións e disciplinas.
A serie busca reivindicar a conversa informal como fonte de coñecemento e facer máis accesible a arte contemporánea ao público xeral, con especial atención ás artes plásticas e visuais. A estratexia é poñer en diálogo perfís de creadoras e creadores que, a primeira vista, poden parecer que non teñen moito que ver, co obxectivo de que do intercambio xurdan novas preguntas e relacións inesperadas.
Nesta primeira etapa, Manuela Pereira atópase na elaboración dun caderno de investigación sobre a conversa na cultura e na historia da arte. Neste proceso, dialogou con figuras do ámbito cultural galego como a xornalista e poeta Xiana Arias, a comisaria e crítica de arte Natalia Poncela, e a filóloga Raquel F. Cobo.
O proxecto explora preguntas sobre o guión e a intuición nunha entrevista, a axencia da persoa entrevistada e a preparación dun encontro sen condicionalo. Pereira reúne referencias históricas, episodios e reflexións ao redor da oralidade e a entrevista, destacando unha reflexión de Ursula K. Le Guin: “Unha boa entrevista é coma un bo partido de bádminton; enseguida daste conta de que podes manter a pluma no aire e o único que que tes que facer é vela voar”.
A primeira gravación, con David Silva detrás da cámara, arrincará en novembro. O proxecto conta coa colaboración das artistas Julia Huete e Begoña García Alén no deseño da imaxe gráfica. Manuela Pereira confía en captar novos recursos para completar os episodios e movelos a través das redes sociais e dunha web que funcione como arquivo.




