O programa, que busca fomentar a sensibilización sobre as causas da pobreza e a investigación neste eido, mantén a súa dotación económica. O orzamento divídese en 288.000 euros para o presente exercicio e 432.000 euros para o vindeiro ano.
Unha das principais novidades desta edición é a inclusión das universidades do Sistema Universitario de Galicia e os seus centros de investigación públicos como beneficiarios directos. Ata o de agora, estas entidades debían presentarse en agrupacións lideradas por ONGD.
O prazo para presentar as solicitudes a través da sede electrónica da Xunta de Galicia abrirase mañá e manterase vixente durante un mes. As axudas financiarán actividades de formación, investigación e mobilización social para crear redes de solidariedade.




