A Facultade de Administración e Dirección de Empresas acolleu este mércores 30 unha xuntanza presidida polo vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Roberto Bande, co persoal directivo e orientador dunha ducia de centros educativos galegos. O obxectivo foi dar a coñecer a folla de ruta do Programa A Ponte entre o Ensino Medio e a USC para o curso 2026/2027.
Na reunión interviñeron José María Alonso Meijide, delegado da reitora e representante da USC na CIUG, quen informou sobre as novidades das Probas de Acceso á Universidade (PAU) de 2027. Posteriormente, Diana Fernández Méndez, delegada da reitora para asuntos de Ensino Medio e coordinadora do Programa A Ponte, expuxo as actividades planificadas para o curso 2026-2027. O encontro incluíu un café-networking con representantes das titulacións do Campus de Lugo e rematou cunha visita guiada á Domus do Mitreo.
O Programa A Ponte, en funcionamento dende o curso 2003-2004, busca difundir a oferta de estudos da USC entre o estudantado preuniversitario e orientar as súas eleccións académicas. As súas actividades contan cunha alta participación anual.
Entre as iniciativas destacan as xornadas de portas abertas ‘Coñece a USC’, dirixidas a estudantes de 2º de Bacharelato e Ciclos Superiores, que poderán coñecer de preto os títulos de interese en Lugo e Santiago tras as PAU. Tamén se organizan charlas temáticas impartidas por profesorado da USC, abertas tamén a estudantes de 4º de ESO. Para este ano, ofrécense 185 charlas a cargo de 193 docentes de 45 departamentos, superando as cifras do ano pasado cando asistiron 21.527 estudantes.
Ademais, o programa inclúe visitas aos centros de ensino medio galegos, onde un equipo de colaboradores e exalumnos presentarán a USC. O pasado curso realizáronse 146 visitas, nas que participaron máis de 7.800 estudantes. Os Encontros do Ensino Medio na USC, que tiveron lugar en febreiro, tamén permitiron a 6.000 estudantes contactar directamente coa Universidade e recibir información in situ nos Campus de Lugo e Santiago.




