A reitora Rosa M. Crujeiras destacou na sesión inaugural que a intelixencia artificial adoita abordarse unicamente en termos de progreso tecnolóxico, pero subliñou a necesidade de formular preguntas máis fundamentais para comprender as transformacións e decidir o futuro. Crujeiras recalcou a responsabilidade das universidades de axudar á sociedade a comprender estas transformacións e fomentar un debate público informado, contribuíndo ao desenvolvemento de tecnoloxías que respecten os dereitos humanos e os valores democráticos.
No acto inaugural tamén participaron o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; o decano da Facultade, Martín Pereira Fariña; a directora do Instituto de Investigación en Humanidades da USC (iHUS), Laura Mª Lojo Rodríguez; e o presidente do comité organizador e coordinador da reFIA, o profesor Xavier de Donato Rodríguez.
Durante tres días, a Facultade será escenario de reflexión para filósofos e investigadores de diversas disciplinas. O programa inclúe conferencias plenarias, comunicacións e simposios temáticos. Entre os relatores convidados atópanse Mark Coeckelbergh (Universidade de Viena), Adela Cortina (Universidade de Valencia), Javier Echeverría (EHU), Migle Laukyte (Universidade Pompeu Fabra) e Vincent C. Müller (Universidade Friedrich-Alexander de Erlangen-Núremberg).
As sesións paralelas e simposios abordarán temas como a conciencia artificial, a gobernanza algorítmica, a ética e responsabilidade, a linguaxe e interacción humano-IA, a creatividade, a educación e as implicacións sociais e políticas destas tecnoloxías.
A reFIA, organización académica sen ánimo de lucro, constituíuse en 2025 na USC co propósito de articular un ámbito común para a reflexión filosófica sobre a intelixencia artificial. O seu comité científico internacional está presidido polo profesor Xavier de Donato Rodríguez, presidente da rede, que busca fomentar o diálogo interdisciplinario e o intercambio de coñecemento sobre as dimensións da IA.




