A clasificación, elaborada pola consultora británica Times Higher Education en asociación con Schmidt Science Fellows, avalía como as institucións combinan coñecementos de distintas áreas para resolver retos globais complexos. Lanzado en 2024, este ránking interdisciplinario mide o compromiso e a contribución das universidades á investigación científica neste ámbito.
No ámbito estatal, a USC sitúase no quinto posto, empatada coa Universidade Politécnica de Madrid. Este resultado supón un ascenso respecto ao ano pasado, cando a universidade galega ocupaba o sétimo lugar. No ámbito mundial, a USC consolida a súa posición internacional dentro do grupo de 201 a 250 institucións entre as máis de 1.000 clasificadas.
A metodoloxía do ránking outorga dous terzos da nota ao volume, impacto e calidade das publicacións interdisciplinarias. Neste aspecto, a USC capitaliza o traballo dos seus centros singulares de investigación da rede CIGUS, concibidos para integrar equipos de distintas disciplinas. O terzo restante, referido ao apoio institucional e financiamento, valora a captación de fondos competitivos para proxectos transversais e a existencia de estruturas de xestión compartida entre facultades e institutos.




