O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, achegouse hoxe en Silleda ao Centro de Actividades FervenzAventura, onde se desenvolve o minicampamento 'Pequeaventura na Granxa'. Esta iniciativa forma parte da campaña da Xunta 'Modo Verán Activo', que se estende ata setembro e que este ano ofrece un total de 11.932 prazas, 302 máis que o ano pasado, acadando unha cifra histórica.
López Campos destacou que este é un dos programas máis importantes do departamento para a mocidade, xa que facilita oportunidades de lecer e educativas de primeiro nivel ata os 30 anos. Engadiu que a xuventude pode empregar o seu tempo estival con multitude de propostas lúdicas, culturais, deportivas e formativas, sendo xa un referente a nivel estatal.
O conselleiro coñeceu de primeira man as impresións dos participantes, de entre 9 e 12 anos, que hoxe finalizaron a segunda das catro quendas desta actividade en FervenzAventura. Cada quenda conta con 35 nenos e nenas. Esta modalidade, 'Coñece Galicia', ofrece unha proposta lúdico-formativa en espazos naturais cunha duración de cinco días, favorecendo a conciliación e convidando a coñecer a riqueza natural e patrimonial de Galicia.
Este ano, a opción de minicampamentos aumentou preto de 100 prazas respecto a 2025, chegando ás 876. Delas, 425 corresponden á provincia de Pontevedra, con accións en sete instalacións en Tomiño, Poio, Sanxenxo, Meaño, Fornelos de Montes e esta de Silleda, localizada na contorna do río Toxa e próxima ao mosteiro de Carboeiro.
En concreto, 'Pequeaventura na Granxa' inclúe actividades relacionadas cos coidados de animais, horta ecolóxica, obradoiros, iniciación á hípica, educación ambiental e aula de natureza. Tamén ofrece técnicas de orientación e supervivencia, rutas de interpretación ambiental, rocódromo, tirolesa e propostas deportivas como tiro con arco, xincanas e actividades acuáticas. Compleméntanse con veladas de animación e xogos nocturnos.
A campaña 'Modo Verán Activo' tamén inclúe campamentos para nenos e nenas de 9 a 17 anos (8.050 prazas), actividades de ocio educativo para persoas de 18 a 30 anos (160 prazas) e campos de voluntariado (815 prazas). Ademais, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude cede instalacións xuvenís a asociacións e entidades para a realización de actividades relacionadas cos mozos e mozas.




