A xerencia da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés confirmou que se está a investigar a presenza de ratos e unha serpe na farmacia do Hospital Montecelo. Os feitos tiveron lugar este martes e xa se puxo en marcha o dispositivo establecido para estas situacións.
O xerente, José Flores, explicou que a proximidade do hospital ao campo e a ubicación da farmacia na planta -2 favorecen que poidan ocorrer este tipo de incidencias. Subliñou que, como é habitual, as medidas de control activáronse "inmediatamente" tras recibir a notificación.
A Unidade de Prevención de Riscos Laborais e o Servizo de Medicina Preventiva foron informados, así como o equipo directivo. "Estanse a levar a cabo todas as medidas necesarias e investigacións para actuar en consecuencia", asegurou o xerente, quen tamén sinalou que esta situación xa se deu noutros servizos do hospital pola súa localización xeográfica.




