A piscina municipal de Bueu cumpriu recentemente os seus primeiros cen días de funcionamento co contrato de servizos que supón a súa apertura total, ofrecendo nado libre, sauna, clases dirixidas, cursos de natación e ximnasio. Nestes primeiros meses, as instalacións rexistraron unha notable afluencia, superando as 1.800 persoas usuarias.
Actualmente, hai un total de 1.373 persoas abonadas, distribuídas en 309 abonos individuais, 254 familiares, 112 de terceira idade, 55 de menores de 21 anos e 27 de mobilidade reducida. Ademais, durante os meses de xullo e agosto, 30 persoas optaron pola modalidade de abono de verán. Estes abonos inclúen acceso libre á natación e á sauna, así como a posibilidade de inscribirse nas actividades dirixidas de sala e acuáticas, e nos cursos de natación cun pago adicional.
A modalidade de acceso diario tamén está a ter unha gran acollida. En xullo e agosto rexistráronse 154 e 250 entradas respectivamente. Ata o 13 de setembro deste mes, xa se contabilizaron 450 accesos para o uso da piscina, sauna e ximnasio. O ximnasio, en particular, destaca polo seu uso intensivo por parte de homes e mulleres de todas as idades, o que levou á incorporación de dúas novas bicicletas de spinning para mellorar a oferta.
As clases dirixidas son unha das actividades máis demandadas, cubrindo o seu cupo rapidamente día tras día. Ante esta alta demanda, o Concello de Bueu e a piscina incrementaron en setembro as sesións semanais, ofrecendo agora 7 de pilates, 4 de aquagym e tres de mantemento, GAP e tonificación. Estase a estudar a posibilidade de aumentar aínda máis estas horas e de valorar novas medidas nos abonos familiares.
Os cursos de natación, que comezaron en xullo e agosto para todas as idades, tiveron 117 inscritos (82 infantís e 35 adultos). Na tempada actual, de setembro a xuño, previñéronse 152 prazas, das cales 11 para alumnado de 11 a 14 anos aínda están dispoñibles, xunto con 20 prazas para adultos (7 de iniciación pola mañá, 4 pola tarde e seis de perfeccionamento pola mañá).
O goberno local valora positivamente tanto as cifras de asistencia como a calidade do servizo. Trabállase en melloras nas instalacións e no servizo, destacando a importancia da piscina para a saúde e o fomento do deporte entre a veciñanza de Bueu e da contorna.




