Os representantes sindicais médicos anunciaron unha nova semana de paros, que se prolongará ata o 19 de xuño, como parte do conflito polo Estatuto Marco. Esta decisión chega despois dunha nova reunión co Ministerio sen avances significativos, e reafirma a continuidade das mobilizacións ata alcanzar un acordo.
Ademais, os sindicatos expresaron o seu total apoio aos profesionais de comunidades como Madrid ou Catalunya, que dende o pasado 1 de xuño decidiron non realizar as chamadas 'peonadas', actividades voluntarias e extraordinarias.
“"Esta decisión, adoptada de forma valente e responsable por moitos compañeiros, constitúe unha mostra inequívoca do profundo malestar existente na profesión e evidencia que o conflito vai moito máis alá dunha negociación concreta: é a consecuencia de anos de abandono, sobrecarga e falta de recoñecemento por parte das administracións sanitarias."
O Comité de Folga sinalou que a reunión co Ministerio volveu evidenciar unha estratexia de dilación e inmobilismo, sen propostas concretas para solucionar as reivindicacións históricas da profesión. Entre estas atópanse un estatuto propio, un ámbito específico de negociación, unha clasificación profesional acorde á súa responsabilidade, unha xornada laboral xusta e un modelo de xubilación flexible.
Ante o que consideran "unha tomadura de pelo" por parte do Ministerio de Sanidade, os sindicatos organizan esta "gran concentración estatal" en Madrid, á que están chamados médicos e facultativos de todo o país.




