O titular da carteira sanitaria participou na mesa inaugural da Xornada Institucional sobre Saúde Cardiovascular, celebrada no Pazo do Hórreo e organizada pola Sociedade Española de Cardioloxía e a Fundación Española do Corazón. Alí, incidiu en que unha boa parte das enfermidades cardiovasculares poden previrse mediante hábitos de vida saudables, a detección precoz dos factores de risco e un seguimento sanitario axeitado.
Gómez Caamaño explicou que a xornada permitiu aos participantes identificar parámetros como a presión arterial, o colesterol ou o índice de masa corporal. O máximo responsable do Servizo Galego de Saúde sinalou que a Xunta traballa para mellorar a prevención, o diagnóstico e o tratamento destas enfermidades, incorporando novos recursos e reforzando a coordinación entre os distintos niveis asistenciais.
Destacou o proxecto New Heart, unha iniciativa transfronteiriza entre Galicia e o Norte de Portugal, así como a unidade de rehabilitación cardíaca do Hospital Público Álvaro Cunqueiro e o reforzo da atención co Código Shock Cardioxénico.
“"A prevención cardiovascular é unha responsabilidade compartida, na que se deben implicar as administracións, os profesionais sanitarios e toda a cidadanía."
Tamén se referiu á cardioprotección da cidadanía, indicando que Galicia conta con 3.785 desfibriladores externos automatizados. Para facilitar a súa accesibilidade, a Xunta convocará axudas por importe dun millón de euros para a súa instalación nas vías públicas. Ademais, o programa RCP na Aula xa formou a máis de 106.000 escolares en técnicas de reanimación cardiopulmonar.




