O encontro, organizado polo Colexio Profesional de Hixienistas, puxo en valor o papel fundamental destes profesionais nos equipos de atención primaria. O director xeral destacou a súa contribución na prevención e tratamento de problemas de saúde bucodental, así como na promoción de hábitos saudables entre a cidadanía.
A proximidade da atención primaria á poboación é clave para avanzar cara un modelo sanitario máis preventivo. Neste sentido, o Plan de reforma da atención primaria e comunitaria prevé a incorporación de 20 novas prazas específicas para a saúde bucodental no Servizo Galego de Saúde, das cales 10 serán para hixienistas dentais e outras 10 para odontólogos.
Esta medida busca reforzar a presenza destas figuras no sistema público e impulsar o coidado da saúde bucodental desde este ámbito asistencial. Salvador Mariño-Ageitos salientou o traballo dos profesionais da saúde bucodental na sanidade galega e agradeceu a súa contribución á prevención e á educación sanitaria da cidadanía.




