O Diario Oficial de Galicia publicou hoxe a orde que actualiza a relación de deportistas de alto nivel, alto rendemento, rendemento deportivo de base e vitalicias, así como persoas adestradoras, técnicas, xuízas e árbitras recoñecidas. Esta actualización suma ás realizadas en xuño e establece unha nova marca de 1.941 persoas recoñecidas, cunha representación do 43% de mulleres (835) e un 57% de homes (1.106).
O 76% das persoas recoñecidas, un total de 1.466, son deportistas galegos de alto nivel (623 mulleres e 843 homes). Ademais, inclúense 201 deportistas de alto rendemento (101 mulleres e 100 homes), 183 de rendemento deportivo de base (86 mulleres e 97 homes), 47 persoas técnicas de alto nivel (catro mulleres e 43 homes), 29 árbitras e xuízas (16 mulleres e 13 homes) e 15 deportistas galegos de alto nivel vitalicios (cinco mulleres e dez homes).
Destaca tamén que entre todas as categorías hai recoñecidas 59 persoas deportistas con diversidade funcional (19 mulleres e 40 homes), a cifra máis alta da historia, que continúa en crecemento.
Estas cifras récord son froito do traballo e progresión dos deportistas galegos, así como do decreto de alto nivel publicado en setembro de 2020, que ampliou o sistema de recoñecementos ao incorporar o alto rendemento deportivo e o rendemento deportivo de base.
En xaneiro, a Fundación Deporte Galego resolveu a convocatoria de axudas DGAN-TAXAGAN 2025, concedendo 595 axudas por un importe superior a 840.000 euros, as cifras máis altas nunha única convocatoria.




