O director da Amtega, Damián Rey, inaugurou a xornada “O dato para a xestión do territorio. Xemelgos dixitais no sector público”, que reúne a representantes de Galicia, A Rioxa e Navarra. Estas comunidades participan no proxecto estatal ReTech sobre “Aceleración dos sistemas de emprendemento e innovación baseados en xemelgos dixitais”.
Damián Rey subliñou que a especialización tecnolóxica é un eixo da Estratexia Dixital Galicia 2030 (EDG2030). Destacou que os xemelgos dixitais e a concentración de coñecemento neste ámbito “enlazan directamente e dan sentido á aposta estratéxica de Galicia”.
Referiuse á complexidade territorial de Galicia, mencionando a súa extensa costa, superficie arborizada, recursos hídricos e explotacións leiteiras. Salientou que “a tecnoloxía é a mellor oportunidade da nosa historia para afrontar e superar os principais desafíos de desenvolvemento mediante solucións adaptadas ás nosas necesidades específicas”.
O director da Amtega repasou proxectos da Xunta en uso de datos para a xestión territorial, como a Plataforma Territorio Intelixente, a Rede Galega de Internet das Cousas (iCousas), a Plataforma de Mobilidade (MoBT), e os xemelgos dixitais en desenvolvemento dentro do proxecto Retech.




