A orde do día inclúe a aprobación da acta da sesión anterior e diversas declaracións institucionais. Unha delas, impulsada pola Alcaldía, busca promover un modelo integral de apoio ás familias coidadoras e a mellora da prestación por coidado de menores afectados por cancro ou outra enfermidade grave (CUME). Outra declaración institucional abordará a Canteira de Miramontes.
En materia de xestión orzamentaria, tratarase un suplemento de crédito de 21.100,00€ para executar obras no cemiterio de Boisaca. Tamén se determinarán os días festivos locais para o ano 2027.
Os grupos políticos municipais e concelleiros non adscritos presentarán varias proposicións. O PSdeG-PSOE propón o seguimento do pacto polo rural, garantir a transparencia no futuro aparcadoiro do Hospital Clínico, fixar prazos de construción e definir o seu modelo de xestión, e impulsar unha nova ordenanza de convivencia. A concelleira non adscrita Milagros Castro Sánchez presentará unha proposta para a política municipal de visibilización, memoria e defensa dos dereitos das persoas LGTBIQ+.
O grupo municipal do PP presentará unha proposición para a implantación do sistema de pago BIZUM no Concello e outra sobre o contrato do servizo de axuda no fogar e o apoio ao seu persoal ante o incumprimento salarial. O concelleiro non adscrito Gonzalo Muíños Sánchez proporá facilitar o acceso á rede de abastecemento de auga nos lugares de Agualada e A Torre. A concelleira non adscrita Mercedes Rosón Ferreiro impulsará medidas urxentes para afrontar a crise de vivenda residencial dispoñible.
A sesión tamén incluirá o coñecemento das resolucións da alcaldía, das concellerías delegadas e acordos da Xunta de Goberno Local. Posteriormente, abordaranse rogos, preguntas e interpelacións. Entre elas, o PSdeG-PSOE preguntará pola reparación do pavimento da rúa do Cubelo, e Mercedes Rosón Ferreiro sobre o inmoble da rúa Sánchez Freire, 124. Milagros Castro Sánchez interrogará sobre os mecanismos de control para a instalación de terrazas, e Marta Álvarez Vázquez sobre o abandono do quiosco do Cantón do Toural.
O grupo municipal do PP presentará preguntas sobre o deseño do Plan de Marketing da App INXENIUS e as demandas da veciñanza de Lavacolla. O PSdeG-PSOE preguntará pola fluidez do tráfico e a seguridade escolar na rúa Amor Ruibal, e polo estudo municipal sobre a distribución da vivenda baleira.
Finalmente, tomaranse en consideración mocións. O PP propón melloras na Sionlla e o reforzo da limpeza viaria e control de pragas. Tamén presentará unha moción para que o Goberno local asuma responsabilidades na Fundación do Refuxio de animais de Bando e para a concesión da medalla ao mérito civil a membros das forzas de seguridade que salvaron vidas. O PSdeG-PSOE impulsará a creación dun conservatorio profesional de danza e a integración da asociación Volaban no Padroado da Fundación Refuxio de animais.




