O Concello de Brión abriu o prazo de inscrición para dúas iniciativas formativas gratuítas destinadas a mulleres emprendedoras do rural. Estas accións inclúen un curso e un servizo de mentorizacións e asesoramentos individualizados, co obxectivo de apoiar o crecemento dos seus negocios.
Segundo sinala Rosa Romero, concelleira de Servizos Sociais, trátase dunha iniciativa gratuíta onde as emprendedoras poderán atopar información e apoio personalizado para facer medrar os seus negocios, adaptarse a novas normativas e avanzar nos seus proxectos.
O programa formativo terá lugar do 9 ao 17 de setembro, ofrecendo flexibilidade horaria e a posibilidade de asistencia presencial na aula Cemit ou en liña. A formación abranguerá seis eixos temáticos: vantaxes da economía social, creación dunha web e tenda online, programas de xestión para pequenas empresas, Verifactu e novas normativas obrigatorias, contido dixital e redes sociais, e automatización de procesos con intelixencia artificial.
Paralelamente, o Concello porá en marcha un servizo gratuíto de mentorización para mulleres emprendedoras. Este servizo, que pode solicitarse xunto ao programa anterior ou de forma independente, está dirixido a mulleres con negocios en funcionamento, ideas de negocio ou que desexen iniciar unha actividade por conta propia.
Os asesoramentos abordarán temas como a adaptación ás novas normativas (Verifactu, facturación electrónica), a mellora da xestión empresarial para optimizar recursos e o aproveitamento de oportunidades, como as ofrecidas polo espazo colaborativo do coworking Transformando en Brión.
A participación en ambas as iniciativas é gratuíta, aínda que o número de prazas é limitado. Estas accións están organizadas polo Concello de Brión coa colaboración da Deputación da Coruña.




